CRTVG

Buscar

O Ibex sobe máis de cinco puntos na apertura e toma algo de alento

Publicado o 17/03/2020 09:15
O Ibex sobe máis de cinco puntos na apertura e toma algo de alento

A Bolsa española mantén un rebote do 5 % minutos despois da apertura, por encima dos 6.400 puntos, unha subida coa que tenta recuperar parte das fortes perdas que rexistrou na véspera, cando se esborrallou case un 8 %, ata mínimos desde xullo de 2012, afectada polo coronavirus.

En concreto, ás 9:25 horas, o principal indicador da Bolsa española, o IBEX 35, suma 305,30 puntos, ese 5 %, ata os 6.412,50 puntos.

A xornada estará marcada pola entrada en vigor da decisión da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) de prohibir durante un mes as posicións curtas.

En Europa, o resto dos principais mercados tamén rebotan hoxe tras a caída do día previo, nun contexto de propagación do coronavirus en Europa e nos EUA. En concreto, Milán anota o 2,70 %; París, o 2,08 %; Frankfurt, o 1,74 %, e Londres, o 0,56 %.

Na xornada deste martes, o mercado vive unha pequena tregua despois do esborrallamento sufrido onte, unha sesión en que Wall Street rexistrou o seu peor día desde 1987, con perdas do seu principal indicador, o Dow Jones de Industriais, do 12,93 %.

Os futuros dos índices estadounidenses anticipan hoxe subidas, e as prazas europeas tentan o rebote, do mesmo xeito que no mercado de materias primas, onde o prezo de cru Brent -o de referencia en Europa- sobe hoxe o 3,5 %, ata os 31,06 % dólares.

En Asia, Tokio logrou pechar plano, cunha leve subida do 0,06 %, tras unha sesión volátil en que chegou a baixar máis do 3 %.

Na xornada de hoxe, os investidores volverán estar pendentes das decisións que sigan adoptando os bancos centrais para facer fronte a unha posible recesión ocasionada polo coronavirus.

O Comité Federal de Mercado Aberto da Reserva Federal (Fed) comeza a súa reunión de dous días para tomar unha decisión sobre os tipos de interese. O organismo xa recortou os tipos dúas veces nas últimas semanas. A última vez foi o pasado domingo, cando os recortou nun punto, a maior baixada de emerxencia desde 1984.