CRTVG

Buscar

As bolsas non son quen de repoñerse e caen arredor dun 5%

Publicado o 18/03/2020 13:57
As bolsas non son quen de repoñerse e caen arredor dun 5%

O efecto que a crise do coronavirus poida ter sobre as bolsas é aínda impredicible. Con todo, nin os importantes paquetes de medidas económicas aprobados polos diferentes gobernos europeos nin as limitacións impostas nos mercados teñen moito efecto. 

As bolsas europeas abriron esta mañá con caídas de arredor do tres por cento, un descenso que se foi acusando ao longo da xornada e que se sitúa agora no contorno do cinco por cento. O IBEX parecía desmarcarse en positivo a primeira hora pero tampouco foi quen de resistir e baixa agora arredor dun catro por cento.

A prima de risco española, que é a diferenza entre o rendemento do bono español e o alemán do mesmo prazo, supera os 160 puntos básicos, unha cota que non se alcanzaba desde hai tres anos.

Meliá, Siemens e ArcelorMittal están a ser os máis penalizados.

Inditex protagoniza parte da xornada hoxe. Anunciou provisións de 287 millóns de euros para afrontar a situación e adiou a repartición de dividendo ao non darse as condicións necesarias neste momento. Anunciou que se vai manter o emprego pero non descarta un ERTE. Baixa arredor do 2,6 por cento.