CRTVG

Buscar

O IBEX 35 pon a fin ao peor mes da súa historia cunha caída do 22,21 % en marzo

Publicado o 31/03/2020 18:14
O IBEX 35 pon a fin ao peor mes da súa historia cunha caída do 22,21 % en marzo


O IBEX 35 puxo fin ao peor mes da súa historia cunha caída do 22,21 %, o cal levou o selectivo a situarse nos 6.785,4 enteiros. No que vai de ano, o principal índice español perdeu preto dun 30 % do seu valor. O selectivo comportouse así nun contexto marcado pola expansión do coronavirus en España e o resto do mundo, a declaración do estado de alarma no país e a aprobación de medidas urxentes de carácter extraordinario para combater os efectos do paro económico.

A paralización das actividades non esenciais, mediante un permiso retribuído recuperable, supón un endurecemento do estado de alarma prorrogado ata o 11 de abril. Doutra banda, os investidores coñeceron este martes que a actividade da economía chinesa rexistrou en marzo un forte rebote, despois do histórico afundimento observado en febreiro a raíz do impacto do coronavirus e das medidas de contención executadas, segundo reflicte o índice de xerentes de compras ( PMI).

A pesar da histórica caída mensual, o IBEX 35 pechou a sesión deste martes cunha alza do 1,88 %. O resto de bolsas europeas tamén concluíron en verde este martes, aínda que con avances non tan pronunciados como os do índice español, exceptuando o Ftse 100 de Londres, que subiu un 1,8 %. O resto de prazas rexistraron subas do 0,4 % para o Cac 40 de París, do 1,22 % para o Dax de Frankfurt e do 1,06 % para o Mib de Milán. O prezo do barril de petróleo de calidade brent, de referencia en Europa, cotizaba á baixa ata situarse nos 22,7 dólares, mentres que o West Texas Intermediate ( WTI), referencia para os Estados Unidos, situábase sobre a cota dos 20 dólares.

Pola súa banda, a prima de risco española subía a 114 puntos básicos, co xuro esixido ao bono a dez anos no 0,674 %, mentres que a cotización do euro fronte ao dólar se ampliaba a 1,1016 billetes verdes.

Noticias web

31/03/2020