CRTVG

Buscar

A bolsa española segue en vermello tras o peor mes de marzo da historia

Publicado o 01/04/2020 10:02

Todos os mercados sofren fortes caídas no inicio deste mes de abril, e a bolsa española non é allea aos efectos da crise do coronavirus que golpea especialmente o país e que fixo que o primer trimestre do ano rematara cunha caída do 22,21 por cento.

O mercado español estrea o mes de abril con perdas de arredor do tres por cento, no contorno dos 6.500 puntos, e coa gran maioría dos valores do IBEX 35 en números vermellos. 

As entidades bancarias están a ser os valores máis penalizados no inicio da sesión. Ante as expectativas, xa son varios os bancos que anunciaron a suspensión ou cancelación dos seus dividendos. O último caso foi Liberbank, que anunciou que o cancela ata outubro. Santander tamén o deixou en suspenso e Bankia suprimiuno.

Ante a incerteza e as fortes caídas, o Goberno de Pedro Sánchez vén de aprobar un decreto-lei para pecharlle a porta a posibles operacións de investidores extracomunitarios que pretendan sacar proveito do desplome das principais empresas do selectivo.

O resto de prazas europeas tamén abriu a sesión do mércores con caídas, mantendo a tendencia negativa do peche de onte.

Wall Street apunta tamén a fortes caídas tras pechar onte o seu peor trimestre desde a crise financeira de 2008, con perdas de máis do 23 por cento.

En Asia, o índice Nikkei da Bolsa de Tokio caeu un catro e medio por cento, mentras que na China, a Bolsa de Shanghái caeu o 0,56 por cento.