CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

O Hotel Sada Marina podería reabrir como delegación universitaria

Publicado o 16/11/2014 21:21

Un antigo hotel convertido en facultade universitaria. Ese pode ser o futuro inmediato do Hotel Sada Marina, en Sada. Podería reabrir as súas portas o ano que vén para acoller estudantes en vez de turistas.

Sada quere ser vila universitaria. O vello hotel, pechado hai algo máis dun ano e medio, podería recibir os primeiros estudantes en outubro do próximo ano. É a pretensión da institución académica portuguesa Fernando Pessoa, que desembarcaría nesta vila mariñeira primeiro coa facultade de Enfermería e máis adiante coas titulacións de Fisioterapia e de Odontoloxía. En total, setecentos alumnos nun prazo aproximado de tres anos.


"A actividade docente repercutirá na economía, nos hoteis, no comercio, no alugueiro de pisos. O concello de Sada será un gran campus universitario que potenciará a actividade económica de todo o municipio."

"Non van ser unicamente os efectos directos da chegada da Universidade no comercio e na hostalería. Toda a riqueza da ría, que está infrautilizada, vaise revitalizar en torno ás facultades."

O hotel ten seis plantas de 1.200 metros cadrados, espazo máis que suficiente para albergar aulas, biblioteca, auditorio e residencia para o alumnado. O proxecto ilusiona na vila, pero quedan aínda por solucionar moitos trámites administrativos que o concello espera resolver apelando á colaboración institucional.
Sada ten unha poboación de algo máis de 14.000 habitantes. A universidade podería ser un motor económico importante para unha vila que vive fundamentalmente do turismo e do mar.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí