CRTVG

Buscar

O hospital de Verín acolle novo parto de urxencia, dunha concelleira do PP

Publicado o 14/01/2020 17:02
O hospital de Verín acolle novo parto de urxencia, dunha concelleira do PP

O hospital de Verín acolleu esta mañá un novo parto de urxencia, o terceiro nacemento nese centro desde a supresión da sala de partos, neste caso dunha concelleira do PP do Concello ourensán da Gudiña.

A muller deu a luz esta mañá o seu quinto fillo en Verín despois de que os médicos, debido á súa situación, desaconsellasen o seu traslado a Ourense.

Responsables do centro médico requiriron a presenza dun pediatra para atender o parto, que chegou pouco despois do nacemento.

A nai decidiu, como ocorreu no caso anterior, quedar no centro sanitario de Verín xunto co neno acabado de nacer, pese ao protocolo da xerencia aconsellando o traslado do neonato a Ourense.

A xestante ingresou no centro cara ás 9:30 horas e deu a luz cara ás 11:00 horas, algo que o alcalde da Gudiña, José María Lago, considerou que demostra, como reclama desde hai tempo, que a sala de partos é un "servizo indispensable", polo que reiterou a petición de reapertura.

O alcalde desta localidade declinou ofrecer máis datos sobre o parto, por expreso desexo da familia, pero manifestou que confía en que se dean os pasos necesarios para "reabrir a sala de partos cando haxa pediatras".

Para iso, aduciu que as longas distancias que teñen que percorrer as embarazadas de zonas máis afastadas da provincia para chegar á cidade xustifican a necesidade de pedir que se reactive ese servizo médico en Verín.