O hospital de Santiago revisa nun congreso os avances no tratamento da diabetes infantil
Nos últimos anos a tecnoloxía xa facilitou moito que nenos e adolescentes fagan o seu propio seguimento da diabetes. Pero as investigacións que están en marcha auguran unha grande evolución tanto nesta liña coma na creación de insulinas de efecto rápido.
"Coas novas terapias con bombas e insulina de acción rápida e a monitorización continua de glucosa, iso vai revolucionar, porque o paciente vai estar máis controlado e con menos preocupación", di Jesús Barreiro Conde, coordinador da Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica do CHUS.
Relatores de todo o mundo presentarán ata o venres os avances tanto no referido á diabetes como o tiroidismo infantil ou problemas de crecemento ou pubertade precoz no congreso da Sociedade Española de Endrocrinoloxía Pediátrica, coordinado este ano polos responsables desta especialidade no Hospital Clínico de Santiago.
A unidade compostelá é un referente no seu campo desde que se creou nos anos 70. Amais da investigación e a innovación constante, mantén como prioridade lograr a máxima implicación dos pacientes. "Tamén é moi importante a educación diabetolóxica ou en hormona do crecemento, non debemos esquecer que son enfermidades crónicas, de longo prazo", remarca o coordinador da Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica do CHUS.