CRTVG

Buscar

O CHUS coordina un proxecto para a detección precoz do alzhéimer

Publicado o 08/11/2018 16:10

Unha das principais investigacións europeas sobre o alzhéimer, o proxecto PANA, coordínase dende o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Dende hai catro anos estes laboratorios de neurociencias afánanse en detectar o alzhéimer canto antes, na súa fase máis temperá, mesmo cando aínda non hai síntomas.  

Juan Manuel Pías Peleteiro, da Unidade de Demencia do Hospital Clínico Universitario de Santiago: "Ten que ser así, ten que ser deter a enfermidade cando aínda a deterioración cognitiva non galopa, porque se detemos a enfermidade cando a deterioración cognitiva está avanzada, o que facemos é cronificar unha patoloxía cando un paciente xa ten unha dependencia elevada. O obxectivo é que o paciente se valla por si mesmo e deter en fases o máis precoces posibles". 

A investigación céntrase en desenvolver nanopartículas que sexan capaces de atravesar a barreira macroencefálica, e funcionar como detectores do alzhéimer dentro do cerebro. 
Pero a longo prazo, a nanotecnoloxía podería converterse nun auténtico cabalo de Troia, no futuro estas partículas poderían servir para transportar tratamentos.

Juan Manuel Pías Peleteiro, Unidade de Demencia do Hospital Clínico Universitario de Santiago: "E ademais ten ese compoñente engadido de esperanza, que non é unha realidade nin moito menos aínda, que é vehiculizar un tratamento que entre no cerebro, que entre nese templo protexido pola barreira macroencefálica, cuns gardiáns moi finos, que é o cerebro". 

O CHUS participa tamén noutros proxectos de investigación sobre o alzhéimer, algúns en fase clínica. Na actualidade cinco pacientes participan no ensaio CRENEZUMAB, que proba a eficacia dun medicamento á hora de retardar a doenza ou mesmo para conseguir que a enfermidade se deteña. 

 


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018