CRTVG

Buscar

O home que matou o sobriño en Santiago puido sufrir un brote psicótico

Publicado o 22/09/2020 15:10

• O agresor, de 39 anos, está ingresado no CHUS | Estase á espera dos resultados da autopsia para coñecer as causas da morte do neno | O suceso tivo lugar nunha vivenda do centro histórico

O tío de 39 anos, matou supostamente o seu sobriño, de tres anos, na casa da familia na zona monumental de Santiago de Compostela.

O neno morreu contra as oito da tarde deste luns, segundo as primeiras investigacións parece que faleceu por asfixia despois de que o home o esganara cando os dous estaban sos na casa. En todo caso, será a autopsia a que determine a causa da morte.

A Policía Nacional detivo o tío do pequeno, aínda que, debido ao seu estado de alteración, tivo que ser trasladado nunha ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, baixo a custodia de varios axentes.

A nai do pequeno, irmá do presunto responsable da morte do neno, sufriu un shock ao coñecer a noticia e tivo que ser atendida polos servizos sanitarios. Abandonaba a vivenda contra as dez da noite.

Minutos máis tarde, arredor das once, un vehículo dos servizos funerarios recolleu o cadáver do meniño para levalo ao hospital co fin de facerlle a autopsia.

Logo levantaron o corte da rúa, pero os investigadores continuaron no lugar para recoller probas que permitan aclarar como se produciu a morte do pequeno.

O tráxico suceso conmocionou os veciños. A familia é moi coñecida porque o avó ten un negocio desde hai moitos na zona monumental.

Na reixa do negocio, hoxe pechado, deixaron estas flores como mostra de apoia á familia.

O alcalde de Santiago amosou o seu pesar polo acontecido e expresou o seu apoio á familia despois da que cualificou como unha traxedia terrible que lle causou a morte a este pequeno.





 

Noticias web

22/09/2020