CRTVG

Buscar

O grupo Terras Gauda faise máis forte no mercado estadounidense

Publicado o 21/02/2019 20:36

O Grupo Terras Gauda acaba de selar unha alianza para facerse forte no mercado estadounidense. A adega galega asóciase co importador Trinchero Family Estates, o que lle permitirá integrarse nun catálogo en que actualmente figuran un total de 50 marcas de bebidas. Con este acordo reforzarase nas grandes cadeas de distribución e restauración do país americano.

Terras Gauda impulsa o seu crecemento no mercado estadounidense tras subscribir un acordo comercial con Trinchero Family Estates, unha das referencias en importación de viños Premium. A adega galega comparte portfolio con marcas recoñecidas en todo o mundo.

O acordo desenvolverase en dúas fases. A partir de marzo, Trinchero incluirá na súa carteira de distribución os viños de Terras Gauda e Quinta Sardonia e máis adiante farao cos viños das Adegas Pittacum e Heraclio Alfaro. O grupo ten adegas en catro denominacións de orixe. A exportación sitúase arredor do 34 % da súa produción, unhas 720.000 botellas.

Con esta alianza estratéxica, a compañía prevé duplicar as vendas nos Estados Unidos nos próximos anos. Ademais, están moi pendentes da China porque se trata dun mercado emerxente moi destacado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019