CRTVG

Buscar

O grupo irlandés U2 actuará en Madrid o 20 de setembro, 13 anos despois

Publicado o 16/01/2018 16:28

U2, a mítica banda de rock irlandesa, acaba de anunciar unha serie de concertos exclusivos en Estados Unidos e en Europa dentro da súa xira 'U2 eXPERIENCE + iNNOCENCE' que arrincará en Tulsa (Oklahoma) o 2 de maio. Nos meses de setembro e outubro o grupo ofrecerá un total de 13 concertos na Alemaña, Francia, Portugal, España, Dinamarca, Holanda, Italia e Reino Unido.

Despois de 13 anos os fans españois terán a oportunidade de gozar en directo de 'Sunday Bloody Sunday', 'With or Without you', 'Where the Streets Have No Name' e os temas do novo disco da banda irlandesa, Songs of Experience, o 20 de setembro no WiZink Center de Madrid. As entradas para o concerto de Madrid poderanse adquirir a partir das 10:00 horas do venres 26 de xaneiro a través de doctormusic. com, livenation.es e ticketmaster.es. O prezo das entradas oscilará entre os 35 euros e os 195 euros (gastos de distribución non incluídos). Poderase adquirir un máximo 4 entradas por persoa. Tamén haberá dispoñibles Packs Vip para este concerto.

Os usuarios de U2. com poderán acceder a unha prevenda desde o xoves 18 de xaneiro ás 10:00 horas ata o sábado 20 de xaneiro ás 17:00 horas. Ademais, aqueles que adquiriron o álbum 'Songs of Experience' mediante reserva previa en fnac.es antes do 30 de novembro de 2017 en España, Reino Unido, Alemaña, Francia, Portugal, Dinamarca, Italia, Irlanda e Holanda, poderán optar a unha prevenda que se levará a cabo desde o luns 22 de xaneiro ás 9:00 horas ata o mércores 24 de xaneiro ás 17:00 horas. Esta prevenda realizarase mediante un código que recibirán por correo electrónico, que terá un límite de 2 entradas por persoa e estará suxeito a dispoñibilidade de existencias.

Noticias web

16/01/2018