CRTVG

Buscar

O grupo galego de enerxía renovable Ecoener anuncia a súa intención de cotizar en bolsa

Publicado o 07/04/2021 10:06
O grupo galego de enerxía renovable Ecoener anuncia a súa intención de cotizar en bolsa

A compañía galega de enerxía renovable Ecoener anunciou este mércores a súa intención de cotizar en bolsas españolas, para o que levará a cabo unha oferta de subscrición das súas accións ordinarias de nova emisión entre investidores cualificados dentro e fóra de España.

Solicitará a admisión a cotización das súas accións nas bolsas de Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia para a súa negociación a través do mercado continuo, segundo informan hoxe fontes do grupo, con sede central na Coruña. Esta oferta e a admisión a cotización nas bolsas de valores españolas, así como o seu calendario definitivo, están suxeitas, entre outros aspectos, ás condicións do mercado e á aprobación dun folleto de admisión pola Comisión Nacional do Mercado de Valores.

A oferta primaria de accións de nova creación que promoverá entre investidores cualificados e os fondos obtidos destinaranse principalmente ao crecemento orgánico do grupo mediante o desenvolvemento da súa carteira de proxectos.

O presidente e fundador de Ecoener, Luís de Valdivia, sostén que esta "potencial saída a bolsa daría continuidade ao labor realizado ata a data e reforzaría o noso crecemento a medio e longo prazo".

A compañía espera que mediante a emisión de novas accións obteña aproximadamente 200 millóns de euros, que serían utilizados para pagar os gastos da oferta e para financiar investimentos para o desenvolvemento e construción dos proxectos identificados dentro da súa carteira de proxectos. 

Ecoener, con máis de 30 anos no sector enerxético, abarca as tecnoloxías eólica, fotovoltaica e especialmente hidráulica, e da capacidade instalada actual, que ascende a 17 proxectos en operación, o 50 % é eólica, o 37 % é hidroeléctrica e o resto, fotovoltaica. 

A compañía leva máis de 15 anos internacionalizada, con activos en funcionamento en tres continentes e proxectos en desenvolvemento en 11 países e ademais, na actualidade, a compañía ten equipos de traballo presentes en España, Panamá, Kenya, Guatemala, Honduras e na República Dominicana.