CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

O grupo de teatro Chévere festexa os seus 30 anos con tres semanas de teatro en Compostela

Publicado o 24/05/2017 20:57


O grupo de teatro Chévere actuou por vez primeira a finais do mes de xuño de 1987 en Santiago. Para festexar os seus 30 anos de teatro en Compostela, volverán representar tres das súas obras máis sobranceiras.
30 anos de música e teatro, 30 anos de humor, irreverencia e compromiso. 30 anos do Grupo de teatro Chévere, a única compañía galega en acadar o Premio Nacional de Teatro, o máis importante das artes escénicas en España. Para festexar este aniversario, recuperan tres das súas montaxes máis senlleiras: 'Río Bravo' do 4 ao 9 de xullo no Teatro Principal.

O actor Miguel de Lira explica que 'Río Bravo' é "un grelo western, dos máis míticos e dos máis queridos polo público".

'Annus Horríbilis', a opereta que marcou o seu punto de madurez e excelencia, do 12 ao 14 de xullo no Auditorio de Galicia.

De Lira defínea coma "unha ópera bufa galega composta por Narf, sempre nos nosos corazóns, que nos deixou hai pouco tempo e é unha obra mestra".

'A ultranoite no país dos ananos', o 19 de xullo na praza da Quintana, unha crónica escénica crítica e retranqueira da realidade galega, un formato que mestura teatro e cabaret creado por Chévere.

Miguel de Lira conta que "inventamos a Ultranoite como unha especie de caixón desastre onde meter todas as nosas inquietudes creativas que tiñamos na altura e se revelou como un formato estupendo que durou no tempo".

Tres semanas de teatro para lembrar e homenaxear os trinta anos de Chévere, un grupo comprometido coa cultura galega e en galego.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí