CRTVG

Buscar

O grupo de nanotecnoloxía da USC avanza na vacina da covid

Publicado o 08/01/2021 15:13

Igual que as vacinas de Moderna e de Pfizer-Biontech, tamén a Universidade de Santiago desenvolve un proxecto de vacina baseada no ARN mensaxeiro. A súa responsable, María Xosé Alonso, acaba de recibir o premio da Fundación AstraZeneca pola súa traxectoria científica.

Leva corenta anos de carreira e trinta á fronte dun grupo de investigación que é referente internacional no desenvolvemento de nanopartículas, uns vehículos para que os fármacos se distribúan no organismo da maneira máis eficaz.

E iso é o que buscan agora para o seu proxecto de vacina da covid. Baséase no ARN mensaxeiro como as de Pfizer e Moderna, e xa está probándose en animais. Di que son fitos científicos desenvolvidos en tempo récord, e fai unha chamada á confianza.

"Non hai nada que temer", afirma, "poden xurdir casos de alerxia? como en calquera medicamento ou incluso en calquera alimento" aclara, pero, para ela, o beneficio da vacina "vai ser enorme, non hai outro modo".

No debate aberto sobre se adiar ou non a administración da segunda dose da vacina, teno claro. "Se a axencia avaliadora do medicamento o aproba, perfecto, e se non, non o faría". O mesmo en canto á posibilidade de poñer a primeira dose dunha vacina e a segunda doutra.

Espera que a vacinación avance a bo ritmo, e quizais empezar a ver luz despois do verán.

 

Noticias web

08/01/2021