CRTVG

Buscar

O Grupo Cuevas factura 104 millóns de euros no último exercicio

Publicado o 02/07/2019 13:22

O ourensán Grupo Cuevas facturou máis de cen millóns de euros no último exercicio, un dous e medio por cento máis que o ano anterior. Tamén aumentou o emprego: un 12 por cento, cunha importante implantación no rural. Entre os seus retos máis inmediatos: profesionalizar o sector da castaña.

A castaña, convertida en marron glacé, é o produto que levou o Grupo Cuevas por todo o mundo. Ten mercado nos cinco continentes. Segundo avanzou o director xeral do grupo, Artur Yuste: "O que temos que intentar é profesionalizar todo o sector, desde a árbore ata o punto de venda".

A medio ano de mudárense a unhas novas instalacións, o capítulo de investimentos é o que máis medrou. En facturación creceron un 2'6 por cento e un 12 por cento en emprego. Do medio milleiro de traballadores que ten o grupo, o 40 por cento están no rural.  "O noso plan segue baseándose en crecemento, en ofrecer servizos, desenvolvemento... establecer posicións no rural, na Galicia baleirada", sinala Yuste.

No capítulo ambiental, destacan a redución dun millón de bolsas de plástico.

Noticias web

02/07/2019