O Grove recrea o proceso de salgadura tradicional para a conservación de alimentos
A salgadura é un dos métodos máis antigos para a conservación dos alimentos e hoxe, no Grove, houbo unha demostración de como era ese proceso no século XIX.
Hai quince días, no almacén vello de Moreiras introduciron a sardiña en salmoira e hoxe, transcorrido ese tempo, chegou o momento de cargar o morto, que é como se denomina a operación de retirar o peixe do mollo e dispoñelo nunha presa. Nunhas horas, estará listo para o consumo.
Fenicios, exipcios e gregos xa o facían dende tempos inmemoriais, e no século XVIII chegou a técnica a Galicia. Falamos da salgadura, unha actividade que tivo na ría de Arousa 26 fábricas activas ao mesmo tempo.
A asociación Amigos da salgadura de Moreiras, no Grove, non quere que esta técnica quede no esquecemento e por iso recréana todos os veráns. A Asociación está a traballar para pedir protección máxima para este patrimonio preindustrial en Punta Moreiras.