O Grove: de risco máximo a estar a un paso de ser concello libre de covid
"Ao final, facendo as cousas ben, penso que todo vai ben", comenta Jaime Álvarez, que rexenta unha tenda de viños.
Esa é a sensación que teñen os veciños. O Grove comeza a tomarlle de novo o pulso á vida. Non sumar contaxios novos é unha fonte de optimismo a pouco máis de tres semanas para que chegue o verán.
"A verdade é que si, que xa dá gusto ver ambientiño pola estrada, xa dá gusto que ves movemento nas cafeterías, os restaurantes abertos, polo menos ves a xente moverse, sabes", explica Marinela Torres, comerciante.
A xente do Grove quere pasar páxina e esquecer o último mes.
"Esta rúa aí polas oito da tarde non había ninguén, ninguén, ata nin nenos había", fala Rosa Rivas que leva 48 anos vivindo no Grove.
Nos últimos 7 días non se detectaron novos positivos. Agora pode presumir de estar entre os concellos cos mellores datos.