Entra en vigor a redución nas ocupacións tras a anulación do certificado covid
• O interior dos locais dos concellos en nivel alto terán unha ocupación do 30 % | Limitación do 30 % tamén no lecer nocturno
• Os hostaleiros da Coruña anuncian un recurso contra estes cambios
• O Grove sae do nivel alto e xa non hai concellos no máximo
EFE
O Grove coñeceu este luns que descenderá ao nivel máximo, na antesala da entrada en vigor das ocupación previas ao uso do certificado covid para acceder ao interior da hostalería, de maneira que ningún dos 313 concellos galegos estará xa no nivel máximo de risco.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou un número extraordinario en que xustifica tal decisión polo descenso da incidencia da covid-19, cunha taxa axustada a 7 días de 116,28 casos por cada cen mil habitantes e, a 14, de 315,12. Son os datos dispoñibles do 15 de agosto e que permiten á localidade costeira baixar un chanzo.
"É un pequeno respiro, porque se non estariamos tomando outras decisións a estas horas. Pero ao 30 % non se poden gañar cartos. Se a Festa do Marisco non se pode facer porque ao 30 % non é rendible e os cartos son de todos, imaxine os negocios que van pechar", di Xosé Benavides, da Asociación de Empresarios Grovenses.
Como xa se avanzou a última hora do venres, e tras non avalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a solicitude do certificado covid nos locais de hostalaría, as novas ocupacións que se aplicarán a partir do martes implican o peche no interior en nivel máximo (agora mingún concello). A redución de ocupación aplicarase nos establecementos hostaleiros dos 55 concellos que agora mesmo están no nivel alto de incidencia. Mentras funcionou a esixencia do certificado covid podían ocupar o 50 por cento dos interiores dos locais. A partir deste martes a ocupación limítase ao 30 por cento.
No caso do lecer nocturno, a ocupación dentro dos locais nos niveis medio e medio baixo (nos dous de máis incidencia do virus os interiores dos pubs están pechados) modificaríanse do 50% con certificado ao 30% sen certificado, e á metade en terrazas no caso de nivel medio.
As novas medidas chegan á hostalería en pleno mes de agosto. E con boa parte do sector e tamén da clientela afeitos a funcionar co certificado covid.
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña presentou este martes un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para pedir a anulación das últimas restricións decretadas pola Xunta para o sector.
Segundo informa a Efe o presidente do colectivo, Héctor Cañete, reclaman no seu escrito a suspensión de todas as medidas.Se a súa demanda non se estima totalmente, os hostaleiros piden que polo menos se levanten os límites de ocupación en terraza, as restricións de horario e a prohibición de usar a barra.
Desde a Xunta din que a prioridade é garantir a seguridade fronte á covid, pero compatibilizala sempre coa actividade económica.
"Loxicamente os concellos que estean en risco máis alto pasarán a un risco menor e, polo tanto, esas ocupacións irán mellorando. Non dubidamos en poñer a seguridade sanitaria por riba de todo, pero temos moi claro que a vida económica ten que seguir", dixo o vicepresidente Alfonso Rueda.
Entre os clientes a opinión é que algún tipo de medida ou restrición segue sendo necesaria porque seguimos en pandemia.
Galicia comeza semana coa incidencia da covid caendo, tanto a unha como a dúas semanas en todas as áreas sanitarias co excepción de Vigo onde repunta.
Ourense presenta a mellor evolución. En 23 concellos levan dúas semanas sen ningún caso novo de covid. Pero preocupa a presión hospitalaria. Ingresa xente máis maior. O motivo, os contaxios no ámbito familiar por gromos que xurden entre a xente nova.
"O 93 % das pesoas hospitalizados son xa maiores de 70 anos, todo o contrario do que pasou hai un mes que era a xente máis nova. E no caso da UCI temos unha idade media de 67 anos que é notablemente máis alta da que tiñamos", explica Félix Rubial, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.
Na área sanitaria da Coruña a maior incidencia tena o concello de Betanzos. Disparouse por riba dos 1.000 casos por cada cen mil habitantes, en parte polo gromo detectado nunha residencia de maiores.