CRTVG

Buscar

O Grove, no peor escenario desde o inicio da pandemia, cunha incidencia superior a 600

Publicado o 13/04/2021 15:04

Co nivel máximo de restrición activado, a hostalería pechada e tamén boa parte do comercio, os veciños describen O Grove como unha vila fantasma. Malia que os 76 contaxios rexistraron ata este luns, descenderon hoxe a 71, a vila mantén o seu peor escenario desde o inicio da pandemia. Boa parte dos contaxios teñen a súa orixe e expansión en grupos familiares.

A vila pasa estes días polos peores momentos en canto á incidencia do coronavirus, e iso nótase nas rúas, practicamente baleiras e cos bares pechados, na mobilidade restrinxida e tamén no ánimo da veciñanza.

"Claro que estamos preocupados, isto parece unha vila pantasma", din, "non hai nada aberto".

A praza de abastos é un dos poucos lugares abertos, despois de que o xoves pasado se adoptaran aquí as restricións máximas. A día de hoxe hai 71 enfermos activos, o que sitúa a incidencia acumulada a 14 días nuns 670 casos por cada 100.000 habitantes.

"Pode ser da xente de fóra que veu en Semana Santa", di unha veciña. Outra apunta que "a xente do Grove, non só a de fóra, tamén, porque se xuntaron coas familias, sen saber se estaban contaxiados".

Así, ninguén aquí prevé que vaia haber cambios en datas próximas, e mesmo avogan por continuar coas máximas restricións ata conseguir reverter os datos.

"Que non abran, que vixíen ben", di unha grovense, ao que un dos comerciantes da praza engade: "Que restrinxan incluso máis".

Os cribados realizados a semana pasada nesta localidade detectaron 12 casos positivos asintomáticos.

Noticias web

13/04/2021