O gromo no edificio administrativo da Xunta en Lugo suma xa 18 contaxios, pero dáse por controlado
Saen sete positivos das 650 PCR que se fixeron ao persoal deste edificio administrativo da Xunta. Para hoxe estaban citados outros 50 traballadores no covid-auto do Hula. Sanidade di que o gromo está estabilizado.
Os casos positivos localízanse entre o persoal do departamento da primeira planta, onde se detectou o primeiro caso. O gromo suma xa 18 contaxios, a maioría asintomáticos.
Precisamente na busca deses asintomáticos, Sanidade decidía facer un cribado a todo o cadro de persoal do edificio, debido á relación que hai entre os traballadores das distintas áreas e co fin de poder cortar esa posible cadea de transmisión.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, aseguraba que "o gromo está estabilizado, a partir de aí o que se vai facer é o seguimento coma con calquera positivo dos contactos estreitos, aos corentenados repíteselles a PCR aos dez dias, como se fai con todo seguimento de casos".