CRTVG

Buscar

O gromo detectado no municipio ourensán de Vilar de Barrio suma dous novos positivos

Publicado o 01/08/2020 10:48
O gromo detectado no municipio ourensán de Vilar de Barrio suma dous novos positivos

Preocupación tamén na comarca da Limia polos gromos detectados en Vilar de Barrio, un foco que xa se estende aos concellos de Laza e de Xinzo de Limia. Esta repunta obrigou a hospitalizar un matrimonio de anciáns. En total, hai nove casos activos relacionados con esta familia, mentres que o brote que se localizou en Baños de Molgas se mantén en tres. Os casos activos na provincia de Ourense son 17, segundo confirman fontes da área sanitaria. 

A alarma social vai medrando na tranquila localidade de Vilar de Barrio por mor do gromo de coronavirus detectado na aldea de Porto e que suma 2 casos positivos en Xinzo co que xa son 9 as persoas contaxiadas.

14 persoas relacionadas coa parella de nonaxenarios contaxiada están gardando a corentena. E o Concello de Vilar de Barrio optou por tomar medidas de protección como a intensificación das desinfeccións, a suspensión de actividades de lecer ou o peche preventivo e temporal da piscina municipal. O alcalde lanza unha mensaxe de tranquilidade.

En Xinzo o Concello tamén informa deses dous novos casos relacionados co gromo Vilar de Barrio. A vila está estes días de xente e os veciños din que cómpre non baixar a garda.

Desde o mércores o número de casos de coronavirus duplicouse na área sanitaria de Ourense, unha das de menos incidencia, e en total, son xa 17 os casos activos. Só tres están ingresados no CHUO, a parella de 90 e 91 anos de Porto, e unha muller de 79 de Baños de Molgas, alí os casos seguen sendo 3. As outras 14 persoas contaxiadas están co seguemento da enfermidade no domicilio.