CRTVG

Buscar

O gromo de Sarria medra e fan un chamamento para que a xente acuda aos cribados

Publicado o 15/03/2021 14:03

O gromo activo en Sarria segue sumando positivos. Iniciouse entre os traballadores dunha granxa e malia que inicialmente había cinco positivos, en menos dunha semana suman xa 20.

"Polo que teño entendido son os traballadores dunha granxa da zona de Ferreiros", di un veciño.

En relación con este gromo chamaron a máis dun cento de persoas para facer cribados. Afectou os veciños da parroquia onde se sitúa a granxa, tamén os contactos estreitos dos positivos e os residentes do edificio onde viven parte deles, pero moitos non acudiron á cita.

"Iso está mal feito, iso debíase de publicar, porque pódese librar bastante xente dese problema", opina un veciño.

Agora estanse reprogramando cribados e fan un chamamento para que a xente colabore e contribúa a cortar as cadeas de transmisión.

"Por favor, que todo o mundo colabore, que non se escondan e que non teñan medo que non lles vai pasar nada. Que colaboren e conten con quen estivo porque algunhas persoas ocultan datos e iso non vén a conto. Non lles vai pasar nada e fanlle un favor a toda a poboación", sinala o concelleiro de servizos sociais Benjamín Escontrela.

Entre a comunidade educativa fixeron un cribado tamén a máis dun cento de persoas. Traballadores e alumnos de varios centros onde estudan os fillos dalgunha das persoas contaxiadas.

Noticias web

15/03/2021