CRTVG

Buscar

Soben os positivos en Lugo e Monforte e mantéñense no Incio e en Barreiros

Publicado o 24/08/2020 14:26

O Incio vive un novo confinamento tras os contaxios detectados na residencia local. Os veciños só saen da casa para o necesario. As rúas están baleiras e a única actividade que se rexistra é a do vehículo municipal que cada dia desinfecta as rúas e espazos públicos.

Nas últimas horas non se rexistraron novos positivos, mantense a cifra de 56 contaxios entre os internos e 8 traballadores. Tres usarios do centro faleceron dende que se detectou o gromo.

Este gromo ten a súa orixe no detectado hai unha semana en Monforte e que segue a aumentar. O número de casos positivos ascende a 72. Moitos dos contaxiados residen neste edificio que segue confinado. Nas últimas horas realizaronse 102 probas PCR.

Na provincia tamén preocupa o gromo rexistrado na capital, en Lugo, e que ten a súa orixe nunha festa celebrada nun pub o 15 de agosto, o último día antes do peche do ocio nocturno.

Os positivos superan a ducia e as autoridades sanitarias piden a colaboración das asociacións de inmigrantes para localizar as persoas que estiveron nesta festa.

O rastrexo está a ser complicado, xa que moitos asistentes viven en situación irregular e prefiren manter o anonimato. Os establecementos da zona din que xa se nota a baixada de clientes.

Os outros dous gromos da provincia son familiares, un está en Barreiros con catro positivos e os outros nos concellos de Monterroso e Antas de Ulla, con dez, e vinculados ao gromo de Melide.

Noticias web

24/08/2020