CRTVG

Buscar

O gromo da residencia de Barbadás afecta 57 usuarios e 10 traballadores

Publicado o 26/10/2020 14:47

Preocupación na residencia Nosa Señora dos Milagres de Barbadás despois de que o virus entrara e se espallara rapidamente. Segundo os últimos datos de Política Social, hai 57 usuarios contaxiados e 10 traballadores.

"O día once de feito houbo un control e foron todos negativos, posteriormente houbo un traballador positivo, repetiuse o proceso e temos agora 57 usuarios e 10 traballadores. De momento, están todos estables", di José Manuel Pazos Seco, especialista en xestión de residencias.

A residencia con máis casos activos segue sendo a dos Gozos, no Pereiro de Aguiar, intervida pola Xunta, con 89 usuarios e 41 empregados infectados. E un novo gromo na residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia con 20 postitivos en total.

"Preocupa polas familias, en principo polos usuarios, porque é unha persoa que vai entrar nunha situación de risco dadas as súas patoloxías anteriores; preocupa polos traballadores, porque é un esforzo moi grande para eles", explica José Manuel Pazos.

Con esta situación, nas residencias e cunha alta porcentaxe de persoas maiores na provincia de Ourense é hoxe onde se rexistran máis contaxios novos, 153 nas últimas 24 horas. E despois de varios días con tendencia á baixa, soben de novo os casos activos ata os 1.390, 91 máis ca onte. Isto malia que Ourense e Barbadás teñen as medidas máis restritivas de Galicia, coa prohibición de saír dos municipios e de xuntarse entre non conviventes.

"O caso paradigmático é o concello de Ourense que despois de varios días reducindo o número de casos hoxe repunta en 16 e isto coincidide temporalmente co ciclo epidemiolóxico de 14 días que o que ten este virus e que nos fai pensar que na fin de semana do día 12 longo se produciron contactos que teñan xenerado este incremento no número de casos", afirma o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Félix Rubial.

Dende Sanidade insisten na importancia de cumprir as medidas preventivas para frear o coronavirus.

Noticias web

26/10/2020