O ministro de Sanidade afirma que en Barcelona e a súa área metropolitana existe xa transmisión comunitaria
• A Fiscalía oponse a prohibir as reunións de máis de 10 persoas
• Budó avisa de que é a "última oportunidade" antes de tomar "medidas máis drásticas"
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, afirmou que en Barcelona e a súa área metropolitana existe xa transmisión comunitaria, aínda que a situación non se pode cualificar de nova onda da COVID-19. Nunha entrevista en Catalunya Ràdio declarou que "En Barcelona hai transmisión comunitaria, é así, temos que dicilo". Illa, que asegurou que a coordinación e diálogo co Govern é "fluído", pediu á cidadanía da capital catalá que siga a recomendación do executivo autonómico de non saír de casa salvo para o imprescindible.
O Govern recomenda aos cidadáns que queden na casa e saian só para o esencial
O Govern anunciou este venres a súa decisión de estender á cidade de Barcelona e a súa área metropolitana, á comarca ilerdense da Noguera e a toda a comarca do Segrià as restricións que xa afectan a L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) para frear os contaxios de coronavirus.
A conselleira de Presidencia e portavoz do Govern, Meritxell Budó, anunciou medidas de contención da pandemia de coronavirus`, entre as que destaca a prohibición de reunións de máis de dez persoas no ámbito público e privado e das visitas a residencias de anciáns e mais a limitación de capacidade en bares e restaurantes de Barcelona, Viladecans, El Prat de Llobregat, Sant Joan Despí, Sant Boi de Llobregat, Cornellà, Sant Just Desvern, Esplugues de Llobregat, L'Hospitalet de Llobregat, Montcada i Rexach, Santa Coloma de Gramanet, Sant Adrià de Besós e Badalona (Barcelona).
Na conferencia de prensa desde o Palau da Generalitat, na que tamén participaron a conselleira de Saúde Alba Vergés e o conseller de Interior Miquel Buch, Budó concretou as novas medidas, que teñen unha duración inicial de 15 días e entre as cales se inclúe pedir á poboación destas cidades quedar na casa e "non acudir a segundas residencias esta fin de semana", aínda que esta é unha recomendación e non unha obrigación.
Porén, Budó apelou ao "deber cívico" dos cataláns para que respecten as restricións e recomendacións para frear a expansión do coronavirus, porque esta é a "última oportunidade" antes de tomar "medidas máis drásticas".
Así, a recomendación pasa por saír só para o esencial: ir traballar, ir a centros de saúde, coidar de persoas maiores, nenos, discapacitados e dependentes, para comprar produtos básicos, para comprar en establecementos con cita previa, acudir a entidades financeiras, realizar accións xudiciais ou notariais, exames e mudanzas, practicar deporte co núcleo de convivencia habitual, ir a hortos familiares de autoconsumo e causas de forza maior.
A xustiza avala todas as medidas adoptadas en Barcelona
O Xulgado do Contencioso-Administrativo 15 de Barcelona ratificou integramente as novas medidas de contención do coronavirus que anunciou este venres o Govern. O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) explicou que as medidas estarán vixentes a partir das 9.00 horas do sábado e durante 15 días. Rexeita así o recurso da Fiscalía que se opuxo á prohición das reunións de máis de 10 persoas.
A outra comunidade con máis contaxios é Aragón
Dispositivos de tráfico tratarán de disuadir os cidadáns que queiran viaxar fóra da comarca de Zaragoza. A orixe dos brotes da cidade obedece tamén á transmisión comunitaria no ámbito de reunións familiares, de actividades de ocio e de eventos sociais.
Illados uns 35 menores doutro campamento en Soria
O seu coordinador apareceu morto preto do río e na autopsia deu positivo en coronavirus. O protocolo de rastrexo xa está activado entre os seus contactos. O campus estaba organizado pola Federación Española de Balonmano.
Cinco positivos confirmados nunha festa xuvenil que se celebrou nunha discoteca de Córdoba. Desde o goberno local fan un chamamento para que os 400 menores que asistiron á celebración fagan a proba PCR.
Un positivo nun asentamento ilegal de inmigrantes en Albacete fixo saltar a alarma.
Persoal sanitario, en colaboración con axentes das forzas de seguridade, xa puxo en marcha o protocolo de probas para unhas 500 persoas que residen nese espazo.
Tamén en Castela A Mancha, pechou un almacén dedicado á recollida de allo despois de que dúas das súas traballadoras deran positivo nas probas. Estas persoas son de Socuéllamos, onde se detectou o brote que máis preocupa nesta comunidade.