O Govern impón restricións en Lleida, pero non confinamento domiciliario
O rebrote máis polémico segue sendo o de Lleida, coa tirapuxa legal entre a xustiza e a Generalitat sobre o confinamento dos veciños. O goberno catalán aprobou un decreto que agora debe validar un xulgado. Ese podería entrar en vigor ás doce desta noite. Os rebrotes en toda España xa se sitúa nos 120. Xa non se libra nin Asturias dos casos novos.
A Generalitat terá poderes para xestionar a pandemia da COVID-19 grazas ao novo decreto-lei que modifica a lexislación sanitaria catalá. A resolución ten limitacións respecto á actividade e á mobilidade, e desde o Govern seguen apelando á responsabilidade de todos.
Nos últimos días, este enredo legal non axudou no control da epidemia. Os expertos sanitarios advirten que o contaxio comunitario no Segrià esixe medidas máis severas. O simple seguimento dos contactos, din, non é suficiente. Xa son máis de 100 os pacientes hospitalizados, sete deles na UCI.
A portavoz do Govern, Meritxell Budó, explicou que as restricións aprobadas para frear o brote da Covid-19 no Segrià (Lleida) non supoñen un confinamento "estritamente domiciliario" da poboación, á que reclama "corresponsabilidade" e que non saia de casa se non é imprescindible.
Na conferencia de prensa posterior á reunión do executivo catalán, a conselleira indicou que "nas próximas horas" presentarase no Xulgado Contencioso-Administrativo a resolución que contén todas as medidas relativas ao confinamento desta zona, que se prevé que entren en vigor ás doce desta noite.
Budó confiou en que o decreto lei que aprobou onte pola noite o Govern dará cobertura legal á mencionada resolución, que chega despois de que unha xuíza rexeitara ratificar o endurecemento do confinamento no Segrià ao considerar que a medida, "indiscriminada" e "desproporcionada", chocaba con competencias estatais.
"Se nada di o contrario, que cremos que non porque precisamente por isto onte pola noite fixemos un Govern extraordinario para aprobar un decreto lei que nos dese este marco xurídico (...), poderá estar vixente a partir de agora", agregou.
Aínda que a resolución non se fará pública ata que teña o aval do xuíz, Budó detallou que as medidas que contén, previstas para un prazo de 15 días, implican "volver ás primeiras fases do desconfinamiento".
"Non temos que volver ao confinamento total, pero si ás primeiras fases desa etapa de reapertura, en que non podiamos ir aos bares, non podiamos ir ás terrazas, non nos podiamos atopar con máis de dez persoas, non podiamos saír a facer deporte colectivo", explicou.
Budó resaltou que coas novas medidas poderán abrir todos os comercios, tamén os "non esenciais", estes últimos sempre que non presten un servizo que implique un "contacto próximo" cos clientes.
Ao ser preguntada por como, con todos os comercios abertos, se distinguirá entre quen estea na rúa por cuestións esenciais ou non, a portavoz do Govern quíxoo ilustrar cun exemplo. "Por exemplo, ir comprar uns zapatos pode parecer que non é de primeira necesidade, pero pode ser de primeira necesidade porque ao teu fillo creceulle o pé e necesitas ir comprarlle uns zapatos. E por tanto si que é algo que podes facer. Entón podes ir compralos porque estas tendas estarán abertas, pero teralo que facer con cita previa ou aviso previo", dixo.
O que se suspenderá é a apertura ao público de equipamentos culturais como arquivos ou centros de espectáculos, piscinas e parques infantís, entre outros. Porén, bibliotecas e museos permanecerán abertos.
Os servizos de hostalería e restauración poderanse prestar soamente con entrega a domicilio ou recollida en establecemento con cita previa.
Budó insistiu en que, máis aló do que dite a resolución, é imprescindible que os cidadáns da zona se fagan "corresponsables" e non saian de casa "se non é esencial". "Estamos cun brote importante e é moi importante a concienciación cidadá (...) Trátase de preservar a saúde de todos e de evitar a propagación do virus", resolveu.
Recomenda non saír de casa en tres barrios de L'Hospitalet
No Hospitalet, a segunda cidade máis poboada de Cataluña, a maioría dos 300 contaxios detectados son mozos de entre 15 e 29 anos. O Concello aprobou restricións para evitar a propagación do virus.
En Aragón xa está publicada a orde de medidas especiais para conter o brote da COVID-19 nas comarcas centrais, en Huesca e tamén en Zaragoza e a súa comarca. Esta fase 2 flexible afecta case un millón de habitantes, o 70 por cento da poboación da comunidade.
En total xa son 120 brotes activos de coronavirus en todo o país que afectan máis de dúas mil persoas, un dos últimos detectouse na provincia de Granada. O Goberno afirma que aplicará o estado de alarma se a situación se agrava de xeito drástico.