CRTVG

Buscar

O golfista galego Santi Tarrío competirá no European Tour

Publicado o 30/06/2021 21:51

Santi Tarrío ten pé e medio na primeira división do golf europeo. Este santiagués de trinta e un anos acaba de dar un salto de nivel, lidera o Challenge Tour e cando apenas transcorreu un terzo da temporada ten asegurado o ascenso á máxima categoría.

Santi Tarrío, golfista: "Xogaremos con Sergio García, Jon Rahm..., na primeira división. Levamos unha racha moi boa con dúas vitorias, un terceiro posto e un cuarto, e garantízanos o ascenso. O obxectivo é xogar Augusta, unha Ryder Cup, os grandes todos".

A súas últimas actuacións permitíronlle escalar ata o posto 142 na clasificación mundial que lidera o flamante gañador do Aberto dos Estados Unidos, Jon Rahm. O seguinte español é Sergio García no posto 49 e o terceiro é Santi Tarrío que supera agora ó mesmo Tiger Woods, no 165.

Santi Tarrío: "Nunca imaxinei que ía estar por diante de Tiger Woods no ránking mundial".
Se o corte para ir ós xogos de Toquio se fixese unha semana despois, iría o galego canda a Jon Rham. Faltoulle pouco: Santi Tarrio: "Non vou a Toquio por un apenas un posto no Ranking. Era un extra pero os obxectivos da temporada estounos a cumprir".

Santi Tarrío e a súa caddie Noe García forman parte dun equipo ambicioso desde unha terra con pouca tradición pero con afeccionados que valoran o que está a conseguir.

"Recibín moitas mensaxes estas semanas, de xente que se alegra de verdade de que o golf galego se dea a coñecer un pouquiño por España e tamén por Europa".


 

Noticias web

30/06/2021