CRTVG

Buscar

O Goberno aproba a Lei de Memoria para situar as vítimas no "centro da acción política"

Publicado o 20/07/2021 15:38

O Consello de Ministros aprobou este martes a nova Lei de Memoria Democrática que podería permitir disolver asociacións que enaltezan o franquismo ou prohibir actos públicos de exaltación da ditadura.

A nova norma, que pretende mellorar e ampliar a vixente Lei de Memoria Histórica aprobada en 2007, recolle as modificacións sumadas ao anteproxecto, como as suxeridas polo Consello Xeral do Poder Xudicial, etnre elas esas referidas aos requisitos que poderán permitir a disolución de entidades que enaltezan o franquismo ou o ditador, como a Fundación Francisco Franco, ou prohibir actos públicos de exaltación do franquismo.

O "vilipendio" ás vítimas sería un elemento para engadir para garantir a constitucionalidade destas medidas, segundo advertira no seu ditame o órgano de goberno dos xuíces. Porque a protección e recoñecemento das vítimas da Guerra Civil e a ditadura constitúe o sustento de todo o armazón xurídico da norma, que o Executivo leva agora ao Parlamento coa idea de recoller as achegas que poidan facer os grupos parlamentarios, sobre todo os de esquerda.

A nova norma que ten ás vítimas da Guerra Civil e a ditadura como eixo da "acción política" do Goberno, segundo asegurou o ministro de Presidencia, Félix  Bolaños, e homologa a lexislación española ao do resto de países europeos.

Bolaños puxo énfase en que a nova lei cumpre cos catro principios fundamentais que postulan os organismos internacionais en materia de memoria histórica: verdade, xustiza, reparación e deber de memoria.

Para iso, contempla un amplo catálogo de medidas. O ministro citou entre as máis significativas,  a obrigación do Estado de acometer os labores para a recuperación dos restos dos desaparecidos, a extinción da Fundación da Santa Cruz do Val dos Caídos para  resignificar o enclave ou a creación dunha Fiscalía de Sala no Tribunal Supremo para investigar os crimes do franquismo.

Bolaños, indicou que o Goberno decidirá o destino da Cruz do Val dos Caídos no proxecto concreto de  resignificación. "A lei establece un marco xeral para a resignificación do Val do Caídos pero dentro dese marco, no seu momento, teremos que concretar un proxecto no que se tome a decisión sobre a cuestión que vostede planeta", asegurou  Bolaños este martes na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, ao ser preguntado por que vai ocorrer coa Cruz do Valle dos Caídos.   

Tamén se referiu a presenza nese lugar dos restos de Jose Antonio Primo de Rivera, de quen dixo que deixará de estar nun "lugar preponderante" deste  mausoleo.

O ministro asegurou que o Executivo buscará a "unanimidade" na tramitación da lei porque entende que "ninguén" pode opoñerse a que os familiares das vítimas recuperen os restos dos seus achegados e a unha lei que só quere render homenaxe a estas vítimas da Guerra Civil e do franquismo.

Este era un dos proxectos que a exvicepresidenta Carmen Calvo defendeu con máis forza ata a súa saída do Executivo. De feito, a súa aprobación no Consello de Ministros estaba prevista a semana pasada, pero adiouse por ser precisamente o primeiro en que Calvo xa non estaba presente tras a remodelación do Goberno acometida por Pedro Sánchez.

As asociacións memorialistas consideran que a nova lei queda curta e tratarán de influír nos grupos parlamentarios para emendala, e na ultradereita, Vox xa anunciou que recorrerá contra ela ante o Constitucional.

O Partido Popular, pola súa parte, xa dixo que a vai derrogar en canto chegue ao Goberno. Anunciouno Pablo Casado nunha xornada de preparación da Convención Nacional dos populares sobre concordia e Constitución.

Noticias web

20/07/2021