CRTVG

Buscar

O Goberno valora a posibilidade de cortar a luz o día do referendo

Publicado o 14/09/2017 14:58

Para formar as máis de 6.000 mesas electorais, a Generalitat envioulles cartas a 55.000 cidadáns, pero agora Correos ordenoulles aos seus traballadores que non entreguen carta ningunha que teña que ver coa votación. Rajoy pedíulles aos cataláns que non acudan se son chamados a participar no referendo, lembroulles que é ilegal.


O Goberno mesmo valora xa a posibilidade de chegar a cortar a luz nos locais que acollan a votación, unha medida á que Puigdemont respondeu con ironía: "Aínda nos van regalar unha xornada romántica", di no seu Facebook.

Pola súa banda, a alcaldesa de Badalona publicou onte que pon os colexios á disposición do referendo e hoxe denuncia intimidacións a traballadores municipais pra que non colaboren coa consulta. Di que periga gravemente a democracia en todo o Estado. Alcaldes de Bildu denunciaron a persecución dos seus colegas cataláns e o PSOE lanzou un vídeo de apoio aos seus, denuncia presións noutro sentido.


Chega isto despois do peche da web do referendo. "É intentar poñerlle portas ao campo", di Puigdemont, despois de ofrecer direccións web alternativas. 

Coma se dun proceso electoral normal se tratase, haberá apertura de campaña este xoves, a quince días da data do referendo. Será un acto conxunto dos partidos independentistas. Os demais partidos do Parlamento non celebran nada. O proceso continúa con tranquilidade, din, pero a Policía Nacional busca axentes voluntarios para desprazalos a Cataluña ante o 1 de outubro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/09/2017