CRTVG

Buscar

O Goberno vai recorrer contra a Lei de saúde de Galicia ante o Constitucional

Publicado o 30/03/2021 17:54

O Consello de Ministros acordou este martes interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a modificación da Lei de saúde de Galicia que, entre outras cousas, formula a obrigatoriedade de vacinarse contra a covid−19.

Segundo defende o Goberno, a norma modificada recentemente no Parlamento galego establece unha serie de medidas de control que recibiron observacións de inconstitucionalidade por parte dos correspondentes departamentos ministeriais.

O prazo para a interposición do recurso finaliza o 26 de maio de 2021. A impugnación supoñerá a suspensión do apartado contra o que se recorre ata que o alto tribunal se pronuncie, para o cal dispón de cinco meses. "O prazo para interpoñer o recurso finaliza o 26 de maio, e supón a anulación dos artigos recorridos. O tribunal ten un máximo de cinco meses para decidir se a mantén ou se levanta esa suspensión", explicou María Jesús Montero, portavoz do Goberno tras o Consello de Ministros. 

O conselleiro de Sanidade lamentou que non se buscase previamente o diálogo con Galicia a través da comisión bilateral, onde se debaten os conflitos de competencias.

Na conferencia de prensa posterior ao comité clínico, Julio García Comesaña amosouse sorprendido polo recurso, que, segundo dixo, "case" coñecen polos medios de comunicación. Máis tarde, o presidente da Xunta tamén lle recriminou ao Goberno non contactar con eles antes ca o seu Executivo.

O presidente da Xunta lamentou nas redes sociais que o concepto de cogobernanza que ten o Goberno central consista en levar ao Constitucional leis autonómicas. Nun chío de Twitter, Alberto Núñez Feijóo sinala que o Goberno ignorou sistematicamente as peticións para facer unha lei estatal contra a pandemia e agora recorre contra a do Parlamento de Galicia, en plena Semana Santa, sen negociar nada e sen sequera comunicarllo á Xunta.

Noticias web

30/03/2021