CRTVG

Buscar

O Goberno ultima unha moratoria de cotas para autónomos e unha prestación a colectivos vulnerables

Publicado o 30/03/2020 23:43
O Goberno ultima unha moratoria de cotas para autónomos e unha prestación a colectivos vulnerables


O Goberno está a estudar o aprazamento dos pagos de cotizacións á Seguridade Social para o colectivo de autónomos e unha parte das pemes. Este aprazamento podería ser de seis meses e aprobarse no Consello de Ministros deste martes canda unha prestación extraordinaria para colectivos vulnerables, como o das empregadas do fogar. É parte do plan de choque para mitigar os impactos da COVID-19. A moratoria de cotizacións estudarase no Consello de Ministros deste martes e podería aprobarse mesmo con carácter de urxencia, segundo adiantou El País e confirmaron a Europa Press fontes gobernamentais, que apuntan que se están estudando diversas medidas para mitigar o impacto da COVID-19.

O aprazamento de cotas, reclamado especialmente polas asociacións de autónomos (ATA, UPTA e Uatae) e tamén polas organizacións empresariais, obtivo o visto e prace do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Desta forma é o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, encabezado por José Luis Escrivá, o que se encargará de articular a posible medida e establecer as condicións, requisitos e parámetros da moratoria.

Asemade, o Executivo traballa nun subsidio para traballadoras do fogar que perdesen o seu emprego ou quedasen temporalmente en paro como consecuencia do coronavirus que consistiría nunha axuda extraordinaria dun mes de duración equivalente ao 70% da base de cotización, algo que as asociacións do colectivo ven "insuficiente". A prestación tamén podería dirixirse a desempregados que esgotasen o paro e persoas que coiden de dependentes, tal e como adiantou a semana pasada a vicepresidenta terceira Nadia Calviño.

Esta prestación extraordinaria podería ver a luz tamén no Consello de Ministros deste martes, en que se aprobará un plan para o mercado do alugueiro que prevé unha liña de microcréditos avalados polo Estado, axudas directas e a suspensión de desafiuzamentos durante seis meses en determinados supostos desde que acabe o estado de alarma, cunha mobilización de recursos esperada duns 700 millóns de euros. A medida que finalmente parece caer da orde do día do Consello de Ministros de mañá é o ingreso mínimo vital. É esta unha iniciativa xa pactada no acordo de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos que se prevía como unha prestación da Seguridade Social concibida, segundo o propio acordo, como un "aumento decidido" da prestación por fillo a cargo para familias vulnerables "nun primeiro momento", para despois establecela como "mecanismo xeral de garantía de renda para familias sen ingresos ou ingresos baixos".

Noticias web

30/03/2020