CRTVG

Buscar

O Goberno sobre os indultos: "Tapar a cara como os monos de Xibraltar non é a solución"

Publicado o 01/06/2021 15:25

O ministro de Xustiza ultima os once expedientes de indulto para os condenados polo procés. Cando os leve ao consello de ministros, di o Goberno, Pedro Sánchez actuará con valentía para restablecer a convivencia en Cataluña.

Para a voceira María Jesús Montero, "o que non é ningunha solución é tapar a cara como os monos de Xibraltar e pensar que non ocorre nada cando ocorreu unha fractura social en toda regra entre os cataláns e entre Cataluña e España". Ademais dos indultos, o Goberno tamén tramitará a reforma do delito de sedición no código penal. Dende Unidas Podemos piden celeridade. O presidente do grupo Unidas Podemos no Congreso, Jaume Asens, amosouse ante a prensa esperanzado en que chegasen "antes do verán".

Os partidos da dereita xa anunciaron que van participar na protesta convocada para o 13 de xuño na praza madrileña de Colón, onde coincidirán os líderes do PP, de Vox e Ciudadanos.

Pablo Casado réstalle valor á foto, cre que a súa obriga "é estar coa España real, coa sociedade que está indignada polo que está pasando, e se iso nos fai compartir con outras plataformas cívicas, con outras formacións políticas, un espazo, benvido sexa". O presidente do PP asegurou, ademais, que o que lle daría a el "vergoña" sería "ter con Bildu" e acusa a Sánchez de someterse á chantaxe dos nacionalistas para manterse na Moncloa.

 

Noticias web

01/06/2021