O Goberno saca adiante o decreto da xustiza co apoio do PNV e ERC

O pleno do Congreso validou este mércores o real decreto de medidas organizativas e procesuais deseñadas para evitar o colapso da Xustiza, un proxecto que recibiu numerosas críticas no hemiciclo e que o Goberno conseguiu sacar adiante co apoio do PNV e de ERC. O decreto, que se tramitará como proxecto de lei para que os grupos poidan incluír emendas, como reclamaron os republicanos cataláns, recibiu 178 votos a favor, 161 en contra e 10 abstencións.
O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, destacou que as medidas foron acordadas con todos os conselleiros do ramo, tamén cos do PP e Ciudadanos, e pediu sen éxito a eses partidos que estivesen á altura dos seus correlixionarios con responsabilidades de xestión.
O Congreso aproba máis axudas económicas con apoio de Cs e abstención do PP
O Goberno volveu a aprobar un novo paquete de medidas económicas dirixidas a reforzar o financiamento de pemes e autónomos e de ámbito fiscal co apoio de Ciudadanos, ERC, JxCAT e PNV, entre outras formacións e coa abstención do PP. A
vicepresidenta de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, pediu o apoio unánime do Congreso ás últimas medidas económicas aprobadas polo Goberno tendo en conta que os avais do Estado a través do ICO financiaron xa 318.000 operacións e mobilizaron 41.266 millóns.