CRTVG

Buscar

O Goberno rexeita a última condición do PP para renovar o CXPX

Publicado o 03/09/2021 08:20

A renovación do CXPX está cada vez máis lonxe tras o último desacordo entre o Goberno e o PP. O ministro de Presidencia rexeitou a condición imposta polos populares, que consiste en reformar a lei para que parte dos vogais deste órgano sexan elixidos polos propios xuíces. Félix Bolaños asegura que en España "os xuíces non poden elixir xuíces".  Pablo Casado pediu o cesamento do ministro; considera que as súas palabras supoñen un ataque ao Estado de dereito e á independencia xudicial.

O Goberno respondía, a través do ministro de Presidencia, á última proposta do PP para desbloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial: que sexan os xuíces os que elixan os xuíces para, din os populares, despolitizar a xustiza. "Nunha democracia plena como a española, nin os xuíces poden elixir os xuíces nin os políticos poden elixir os políticos. A todos nos elixen os cidadáns", aseguraba Félix Bolaños. 

Estas palabras reprochounas o presidente do PP na súa conta de Twitter. Pablo Casado esixiu a dimisión inmediata do ministro. Considera que as palabras de Bolaños supoñen un ataque ao Estado de dereito e á independencia xudicial. Remata dicindo que é un "totalitarismo inadmisible". Segundo o PP, o Goberno vai contra o que din os estándares internacionais e a Unión Europea.

Terciou na polémica a ministra de Xustiza. Pilar Llop apoiou as declaracións de Bolaños e urxiu a que se renove xa o Consello Xeral do Poder Xudicial e que despois se debatan outros modelos.

No debate tamén entrou Ciudadanos. Inés Arrimadas asegurou que o PSOE e o PP levan 35 anos repartindo o máximo órgano de goberno dos xuíces.

Noticias web

03/09/2021