CRTVG

Buscar

O Goberno respóndelle a Obrador que o Rei non ten que pedir perdón

Publicado o 26/03/2019 19:50

O Goberno rexeita que o rei lle pida perdón a México polos abusos cometidos durante a conquista de América. Foi o que reclamou o presidente daquel país, Andrés Manuel López Obrador. O executivo respóndelle que non se poden xulgar feitos de hai cincocentos anos cos ollos actuais. Todos os partidos políticos, agás Podemos, reprocháronlle tamén as súas palabras ao mandatario mexicano. 

Transcendeu agora, pero a petición chegou vía postal o pasado un de marzo tanto á Zarzuela como ao Vaticano. Andres Manuel López Obrador reclamalles á Coroa española e á Igrexa católica que pidan perdón polas matanzas de indíxenas hai 500 anos.

Andres Manuel López Obrador, presidente de México: "Hai feridas abertas. E é mellor recoñecer que hubo abusos e se cometeron erros. É mellor pedir perdón"

O Goberno cre que a petición é extemporánea.

Isabel Celaá, voceira do Goberno: "Non é correcto analizar o pasado que ocorreu hai máis de cincocentos anos con categorías do presente. É unha orientación restrospectiva de memoria que non é adecuada".

O PP ve nas palabras de Obrador unha afrenta a España e espera do Goberno algo máis, dixo Casado, que respostas edulcoradas. Tamén Ciudadanos fala de ofensas propias de populistas.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Como non ten proxecto económico, lamentablemente para México, como o populismo non ten credibilidade para gobernar nunha economía de mercado, nunha economía global, dedícase a difamar o nome do noso país e a terxiversar a historia".

 Pablo Casado, presidente do PP: "O Goberno de España ten que dicirlle claramente a este tipo de gobernos esquerdistas que non aceptamos a difamación sobre a nosa contribución histórica".

Só a voceira de Podemos, Ione Belarra, lle dá a razón a Obrador e promete un proceso de recuperación da memoria colonial se gañan as eleccións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019