CRTVG

Buscar

O Goberno reúnese de urxencia para aprobar axudas aos afectados pola borrasca

Publicado o 24/01/2020 08:58

O Goberno reúnese esta mañá de urxencia para activar as axudas ás zonas afectadas tras o paso da borrasca Gloria, que deixou 13 mortos, 4 desaparecidos e graves estragos en varias comunidades da costa mediterránea. O peor, en Cataluña. Nas últimas horas, os derradeiros efectos do temporal afectáronlle a Andulucía. 

Será unha reunión interministerial, en Moncloa, a partir das dez e media, que presidirá Pedro Sánchez mais os catro vicepresidentes, e asistirán os titulares dos ministerios de Defensa, Interior, Mobilidade e Transportes, Industria e Agricultura e Pesca. O presidente do Goberno anunciaba esta reunión do gabinete de urxencia, sen esperar ao Consello de Ministros do martes, tras sobrevoar en helicóptero as zonas afectadas pola borrasca Gloria en Cataluña, as zonas do Maresme e o delta do Ebro, e en Baleares. Sánchez non descartou declarar como zonas catastróficas algunhas localidades.

"Non imos escatimar ningún recurso, esforzo ou vontade para que pronto se vexa restablecida a normalidade", dixo o presidente do Goberno. 

Sánchez asegurou que a devastación evidencia que o cambio climático agrava ou agudiza os efectos dos fenómenos atmosféricos e que as administracións e gobernos deben enfocar os recursos e as políticas públicas a combatelo. Durante a fin de semana, Sánchez visitará Valencia, Andalucía, Murcia e Aragón.

E mentres Gloria se vai afastando progresivamente da Península, a cifra de vítimas continúa subindo. Durante o día de onte, tres homes máis eran localizados sen vida. Continúan buscando outras tres persoas desaparecidas en Baleares e outra en Cataluña.

En canto ás inundacións, o peor segue estando en Xirona. O desbordamento do río Ter obrigou a novos desaloxos, houbo cortes de luz e quedaron sen auga potable. En casas e baixos alcanzaron ata dous metros de altura que os veciños achican como poden. Nas últimas horas levantaban o confinamento decretado en 29 municipios.

Cataluña foi, sen dúbida, a comunidade máis afectada por Gloria. O temporal fixo desaparecer 25 metros da liña de costa no delta do Ebro, arrasou con arrozais e desdebuxou seis quilómetros e medio de praias. O concello de Deltrebre xa solicitou a declaración de zona catastrófica.

Durante o día de hoxe, o temporal irá remitindo e só catro provincias están hoxe en risco. Barcelona, Xirona e Lleida por aludes, e Málaga por choiva e tormentas. A capital da Costa do Sol quedaba onte así tras unha inusual sarabiada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020