España abrirá as fronteiras con 15 países o 2 ou o 3 de xullo
A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, fixo alusión á apertura das fronteiras na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros deste martes.
"Esta semana será decisiva para a política internacional do noso país porque a partir da mesma abriranse as fronteiras exteriores da Unión Europea", apuntou Montero.
A ministra indicou que España vai adoptar as recomendacións europeas que permiten a entrada de viaxeiros de terceiros países, unha lista de 15 territorios sobre os que se iniciará a reapertura de fronteiras.
No caso da China e Marrocos, España esixirá reciprocidade, isto é, "que se abrirá a fronteira cando estes estados permitan a entrada de españois no seu territorio", segundo dixo Montero. Ao mesmo tempo, tamén insistiu en que "a foto irá variando", nunha revisión quincenal.
Así mesmo, a ministra portavoz informou da publicación no BOE dunha orde que prorroga unha semana máis as restrición de entrada de viaxeiros dende países de fóra da Unión Europea e do espazo Schengen. A previsión do Goberno é que entre o 2 e o 3 de xullo se poidan abrir as fronteiras cos países deste listado que acordou o conxunto da Unión Europea.