O Goberno retira a reforma que rebaixaba as maiorías para elixir o CXPX
O Goberno insta a PSOE e Unidas Podemos a que retiren a proposta para mudar as maiorías necesarias para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial. A marcha atrás chega tras os receos que a proposta suscitou en Europa e despois da entrada en vigor da outra reforma que limita o poder do órgano de goberno dos xuíces. Unidas Podemos non está de acordo coa retirada da iniciativa.
A proposta dos socios de Goberno abría a porta a que o Congreso designase os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial por maioría absoluta, en vez dos tres quintos necesarios agora. Con esa reforma e coa actual composición das cortes, o Partido Popular deixaba de ser imprescindible para renovar o órgano de goberno dos xuíces. Pero a medida de presión non surtiu efecto. Os receos que a vicepresidenta europea de Valores e Transparencia le trasladou este luns ao ministro fan recuar ao executivo.
"O presidente do Goberno xa dixo hai uns meses que esa proposta quedaba conxelada, pero evidentemente houbo rebumbio. O Goberno vai instar os grupos que a presentaron a que valoren se retirala", explica Carlos Campo, ministro de Xustiza.
Pero Unidas Podemos discrepa. Non vai atender a petición do ministro, polo menos de momento. "Ata o momento, parécenos que é a mellor solución. Por tanto, ata que non teñamos alternativa, non estamos de acordo en retirar esa iniciativa", dixo Jaume Asens.
A que xa está aprobada é a reforma que impide que o Consello faga nomeamentos cando estea, como agora, co mandato prorrogado. O bloqueo da súa renovación dura xa case dous anos e medio. O Partido Popular insiste en que sentará a negociar cando Sánchez garanta a independencia xudicial e a separación de poderes.