CRTVG

Buscar

O Goberno pide ás comunidades que non recomenden unha segunda dose de AstraZeneca

Publicado o 27/05/2021 19:58

• O Ministerio de Sanidade acúsaas de xerar unha incerteza que pon en perigo a campaña | Lembra que a razón para usar Pfizer é evitar casos de trombos | Confirma 20 en España, catro deles mortais

O 87 % dos citados en Galicia piden a segunda de AstraZeneca

EFE

O Ministerio de Sanidade cre que o momento actual do proceso de vacinación, centrado cada vez en grupos máis novos, é crítico, e por esa razón chamou as comunidades autónomas para dar unha mensaxe única sobre as vacinas porque, segundo avisa, o contrario xera unha incerteza que pon en perigo a campaña.

Fontes do departamento que dirixe Carolina Darias admiten que nas últimas semanas se produciu un "gravísimo problema" de comunicación ao redor da segunda dose da vacina de AstraZeneca ao dar a entender que era unha cuestión de elección ou preferencia para os menores de 60 anos. Pero non: o decidido pola Comisión de Saúde Pública a semana pasada é que aos que xa recibiron unha primeira picada do soro anglosueco se lles administrase un segundo de Pfizer; un día despois, o Consello Interterritorial abriu a opción a que só aqueles que o rexeiten reciban Vaxzevria (nome comercial de AstraZeneca) baixo firma dun consentimento informado.

A razón de completar a pauta ás persoas de menos de 60 anos con Pfizer é unha: evitar os pouco frecuentes, pero graves, casos de trombos con trombocitopenia (baixada de plaquetas) asociados a este fármaco e que en Europa remataron cunha letalidade do 20 por cento. En España hai 20 casos confirmados ou suxestivos (dos que hai sospeitas), que supoñen o 0,5 % por cada 100.000 dose; deles, faleceron catro e hai un quinto en estudo.

A frecuencia destes casos aumenta segundo descende a idade: 14 episodios por millón de persoas de 30 a 39 anos, 12 no tramo 40-49 anos e só dous no de maiores de 60. Con Pfizer, argumentan as fontes, garántense os beneficios sen expoñer a riscos nun momento en que hai dispoñibilidade de vacinas e se evitaría unha morte por cada millón de vacinados; por suposto que AstraZeneca é segura e eficaz, pero neste contexto en que hai outras opcións había que poñer na balanza se se daba a persoas novas.

Ademais, non é a primeira nin será a última vez en que se aposta por pautas heterólogas combinando distintas marcas, xa que se fai para enfermidades como o ébola, o pneumococo, o papiloma ou o herpes zoster. E, ademais, a aposta en Europa polas vacinas de ARNm, como Pfizer ou Moderna, e as de proteína, como será Novavax, é obvia pola súa maior capacidade de adaptación e efectividade ante as variantes. Por tal razón, Sanidade apunta a que, con toda probabilidade, moitas das persoas vacinadas con adenovirus como son AstraZeneca e Janssen acabarán recibindo unha dose das outras.

O estudo CombiVacs impulsado polo Instituto de Saúde Carlos III, que demostrou a eficacia e seguridade de mesturar AstraZeneca con Pfizer, foi unha axuda máis na toma de decisión; en Sanidade lamentan as críticas que recibiu este ensaio, realizado en máis de 600 voluntarios vacinados con AstraZeneca, 400 dos cales recibiron a inxección de Pfizer. Si recoñecen que lle faltaba o brazo de comparar os resultados cunha pauta completada con AstraZeneca, algo que non descartan que o ensaio faga no futuro, que suscitou grande interese na EMA (Axencia Europea do Medicamento, pola súa siglas en inglés) e que onte foi presentado no Canadá.

Tamén censuran que, pese ao acordo alcanzado no Consello Interterritorial da semana pasada, varias comunidades autónomas estean a instar os menores de 60, case dous millóns de traballadores esenciais que recibiron a súa primeira dose entre febreiro e abril, a completaren a súa inmunización con Vaxzevria. O Ministerio non pode aínda confirmar se a maioría desas persoas que xa empezaron a recibir a súa segunda dose preferiron repetir con este preparado, xa que aínda se administraron moi poucas, nalgunhas comunidades de maneira "case testemuñal", con apenas dez picadas o pasado luns.

Do que si están convencidos en Sanidade é de que o acordo alcanzado polo Ministerio e as comunidades hai que cumprilo, porque o contrario demostra unha falta de madurez que pon en risco o futuro do proceso. Só fai trasladar incerteza á poboación, que ao final é a gran prexudicada, e pon en perigo a campaña de vacinación nun momento en que está a baixar a idade da poboación para inmunizar —que ten unha percepción do risco menor—, e que se une cunha mellora dos indicadores epidemiolóxicos que convidan a baixar a garda.

De feito, as fontes lembran que os casos están a descender en maiores de 50, pero aumentan nos menores desas idade, e por tanto, insisten, agora é momento de centrarse nunha mensaxe única que non xere máis confusión.

Noticias web

27/05/2021