CRTVG

Buscar

O Goberno reformará a lei de aborto antes de final de ano

Publicado o 30/08/2021 10:45

• Busca garantir que as mulleres poidan interromper o embarazo preto do seu domicilio e nun centro público, segundo avanzou a ministra de Igualdade

O Goberno reformará a lei de aborto antes de final de ano
EFE

A ministra de Igualdade, Irene Montero, anunciou este luns que o Goberno dará un "impulso definitivo" á reforma da lei do aborto que, entre outras medidas, pretende que as mulleres poidan interromper o embarazo "preto do seu domicilio e nun centro público".

Nunha entrevista no programa La Cafetera de Radiocable, a titular de Igualdade subliñou que se deben respectar os dereitos do persoal sanitario, pero "non poden estar por encima dos das mulleres". Montero sinalou que o dereito ao aborto "está superado en España", pero ten que facerse "efectivo", xa que moitas mulleres vense obrigadas a desprazarse da súa comunidade autónoma para poder interromper o embarazo.

Así mesmo, reiterou que a reforma que impulsará o Goberno declarará a actividade dos ventres de alugueiro como unha forma de violencia contra as mulleres.

Ao preguntarlle pola evacuación en Afganistán, a ministra destacou que España actuou "de boa maneira salvando vidas", motivo polo que recibiu o eloxio doutros países. Con todo, recoñeceu que "sempre se pode facer mellor" xa que sente "rabia" polas mulleres, nenas e persoas do colectivo LGTBI que non puideron ser evacuadas.

Ao seu xuízo, "demostrouse que ningunha intervención militar permitiu resolver os principais dereitos" da poboación afgá e doutras en crises, pero o debate sobre a desaparición dos exércitos "é moi afastado". En canto á polémica sobre o uso do veo, remarcou que "a prohibición non é a solución" aínda que o seu uso integral carga cun compoñente "de opresión". 

 

Noticias web

30/08/2021