CRTVG

Buscar

O Goberno recorre a regulación paisaxística de Galicia ao entender que invade competencias

Publicado o 15/10/2021 17:42

• A Xunta cualifica de "prematuro" o recurso e sostén que as directrices "non son aplicables" a proxectos de interese xeral

O Goberno recorre a regulación paisaxística de Galicia ao entender que invade competencias
EP

O Goberno central presentou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o decreto de aprobación das Directrices da Paisaxe de Galicia ao interpretar que a regulación da Xunta invade competencias estatais. Fontes xudiciais confirmaron a Europa Press a interposición deste recurso por parte da Avogacía do Estado en representación da Administración central.

A Xunta, que entende que o paso dado é "prematuro, carece de obxecto e quedará sen ningún efecto", mostrou a súa disposición a aclarar os puntos cuestionados polo Estado. Neste sentido, fontes da Consellería de Medio Ambiente, responsable do marco para a regulación paisaxística aprobada no mes de febreiro deste ano, incidiron que as directrices "non son aplicables" para proxectos de obras públicas, polo que "sempre se respectan" as competencias das administracións.

Así figura na resposta remitida polo Executivo autonómico á Delegación do Goberno, na que incide que as normas e recomendacións establecidas nas Directrices da Paisaxe están "vinculadas" aos instrumentos e estratexias de carácter local e rexional que, segundo remarca, "son complementarias ao disposto nas normas sectoriais e técnicas correspondentes e sen prexuízo das mesmas". "Que se aprobasen unhas normas e recomendacions sobre a paisaxe non implica que se alteren nin se afecte ás determinacións da restante normativa territorial, ambiental nin sectorial", subliña a Xunta, que lamenta que o Goberno central decidise "seguir adiante" co recurso a pesar das "aclaracións" ofrecidas.

O proceso, segundo fontes xudiciais, está en fase inicial. Tras a interposición do recurso, o Alto Tribunal galego requiriu á Xunta o expediente, que foi remitido o pasado xoves á Avogacía do Estado. Ábrese agora un prazo de 20 días para a dedución da demanda.I

Noticias web

15/10/2021