CRTVG

Buscar

O Goberno rebaixará a súa previsión de crecemento para 2021

Publicado o 08/04/2021 09:51
O Goberno rebaixará a súa previsión de crecemento para 2021

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, confirmou que o Goberno revisará á baixa a súa actual previsión de crecemento para 2021 como consecuencia do impacto adverso da terceira vaga da pandemia, que freou a recuperación durante o primeiro trimestre do ano, aínda que expresou a súa confianza en que España rexistrará "un rebote moi forte" no segundo semestre.

"Deixamos atrás un duro primeiro trimestre, que é a principal razón pola que imos revisar á baixa a nosa previsión para este ano, en que anticipabamos un crecemento de arredor do 7 % e poida que sexa máis pequeno", explicou Calviño nunha entrevista con Bloomberg TV. Con todo, a titular de Economía subliñou que en marzo se apreciou unha melloría moi rápida e todos os indicadores apuntan a unha evolución positiva e amosouse optimista sobre o desenvolvemento do proceso de vacinación en Europa.

"Pensamos que o segundo trimestre será un trimestre de transición e que teremos un rebote moi forte na segunda metade do ano", afirmou, lembrando que iso é algo que todo o mundo espera, despois de que esta semana o Fondo Monetario Internacional revisase á alza as súas previsións para España, ata un crecemento do PIB do 6,4 % en 2021, o maior entre as economías avanzadas xunto cos Estados Unidos.

Neste sentido, Calviño expresou a súa confianza en que o próximo 9 de maio decaerá o estado de alarma en España, que probablemente supoñerá o levantamento das restricións de movemento no país e un cambio nas dinámicas do turismo.

Doutra banda, a vicepresidenta mostrou o seu desacordo cos prognósticos do FMI sobre a evolución do desemprego en España, que seguiría en 2026 aínda por encima do nivel previo á pandemia, e expresou a súa confianza en que España será capaz de reducir o paro con maior rapidez do que anticipa o organismo internacional.

"Non coincido coa aproximación realizada polo FMI nas súas previsións de taxa de paro para España. Grazas ás medidas adoptadas en marzo do ano pasado tivemos unha dinámica do mercado laboral moi diferente a crises anteriores. Pensamos que daremos reducido a taxa de paro máis rápido do que o FMI prevé", afirmou.