CRTVG

Buscar

O Goberno quere que o castelán sexa lingua vehicular no ensino en Cataluña

Publicado o 16/02/2018 14:35

O Goberno estuda fórmulas para garantir que o castelán tamén sexa lingua vehicular en Cataluña.

Coa aplicación do artigo 155, o ministerio exerce as competencias de Educación, e quere que as familias catalás elixan en que lingua escolarizan os seus fillos. Unha das opcións que baralla o Executivo é incluír o chamado 'cadro lingüístico' no documento de preinscrición escolar. Para o ministro de Educación esta é unha maneira de aplicar as sentenzas xudiciais que a Generalitat incumpriu reiteradamente, e non significa un cambio de modelo educativo en Cataluña.

Agora mesmo nas escolas catalás o sistema educativo baséase na inmersión dos alumnos na lingua catalá. Por ese motivo o español emprégase só nas materias propias de lingua e literatura.

A Lei de educación catalá, aprobada en 2009, establece que o catalán é "normalmente usado como lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo". Isto tradúcese en que a maioría das materias se imparten nesa lingua, agás o inglés ou calquera outra fala estranxeira, e as disciplinas de lingua e literatura española. Esa lei o que viña era a regular o que xa era un feito nas escolas públicas.

A inmersión defendeuse desde as institucións educativas catalás co argumento de que os alumnos aprenden tanto esa lingua como o español ata un nivel óptimo, e que, se saben mellor unha que outra, esa sempre é o castelán.

Non obstante, o sistema suscitou algún rexeitamento por parte de familias, que iniciaron unha batalla legal contra el. En febreiro de 2013 o Tribunal Supremo sentenciou que o modelo de inmersión era legal, aínda que recoñecía o dereito desas familias a escolarizar os seus fillos en castelán.

Mentres, a LOMCE tratou de equilibrar o número de horas lectivas e mesmo se chegou a falar de dar un 25 por cento das clases en castelán. A Generalitat entendeu que a lei española invadía as súas competencias e presentou un recurso de inconstitucionalidade. Mentres non se resolve ese recurso, en 2014 abriuse a porta a solicitar individualmente o estudo en castelán, polo que se lles pagan axudas ás familias de 6.000 euros para escolarizar nenos en centros privados. Unha axuda que cada curso se lle concede a un medio cento de alumnos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2018