CRTVG

Buscar

O Goberno quere presentar na Comisión Europea un borrador dos presupostos o 15 de outubro

Publicado o 12/09/2020 21:07

Tras asistir en Berlín a unha reunión informal de ministros de Asuntos Económicos e Financeiros da UE. Nadia Calviño afirmaba en rolda de prensa que España necesita "uns presupostos para 2021 que reflictan as necesidades actuais". Aseguraba que o Goberno "está traballando este días" para poder presentar un borrador á Comisión Europea e poñía data.

"Hai unha data obxectivo importante, que é o 15 de outubro para enviar á Comisión Europea o plan orzamentario para 2021 e ese é un punto de referencia para todo o traballo que estamos desenvolvendo".

Segundo a ministra, as novas contas públicas deberían ter como "obxectivos fundamentais" o apoio ao crecemento económico e o emprego, o reforzo "de elementos dos servizos públicos", como a educación e a sanidade, e un sistema para "canalizar os novos fondos europeos".
 "E sobre estes principios temos que construír uns orzamentos que logren o apoio necesario e a vontade do Goberno é o máximo apoio posible dentro do arco parlamentario".

A alza dos salarios dos funcionarios será, dixo, un dos "elementos fundamentais" que analizar pola súa magnitude no conxunto dos presupostos, pero, reiterou, que a conxelación deses salarios é un tema sobre o que non se discutiu no Consello de Ministros, nin se tomou ningunha decisión.

Preguntada pola posibilidade de ampliación dos ERTE, a vicepresidenta terceira sinalou que "o diálogo social se está producindo estes días" e abriu a porta á posibilidade de que se prorroguen para os sectores económicos máis danados.

 "O apoio extraodinario aos ERTE ten unhas implicacións moi importantes desde o punto de vista fiscal, e temos que asegurarnos de que en relación aos próximos meses eses cartos se utilizan da mellor forma posible para axudar os que realmente o necesitan e impulsar a reactivación da economía española". 

Noticias web

12/09/2020