CRTVG

Buscar

O Goberno quere ampliar a prisión permanente aos violadores reincidentes

Publicado o 09/02/2018 20:32

 

O Goberno dálle luz verde á ampliación dos delitos castigados con prisión permanente revisable. Entre os novos supostos, a ocultación de cadáver, a violación reincidente ou as mortes por incendios intencionados. O ministro de Xustiza asegura que a proposta ten un apoio social maioritario e nos equipara á lexislación da maioría dos países europeos.

O anteproxecto de lei aprobado polo Goberno suma cinco novos supostos aos oito nos que xa está prevista a prisión permanente revisable. Son o asasinato con obstrución da recuperación do cadáver aos seus familiares, o asasinato despois dun secuestro, ser un violador reincidente ou violar un menor tras privalo de liberdade ou torturalo.

Tamén entra nesta categoría penal causar mortes mediante un incendio, destrución de grandes infraestruturas ou por liberación de enerxía nuclear ou elementos radioactivos.O Goberno di que se trata de casos extraordinarios en que a prisión permanente revisable conta cun apoio social maioritario.

"Parécenos que a resposta máis firme do Estado de Dereito para protexer a sociedade dos delincuentes máis graves merece seguir perfeccionando esta institución", dixo o ministro de Xustiza.

Catalá nega que estean lexislando en quente. Asegura que foron outros partidos os que abriron o debate sobre unha figura penal da que o Goberno non ten dúbidas.

"Non acabamos de entender que nos pasa en España, que debate político podemos ter sobre esta circunstancia cando no resto de Europa é unha cuestión moi consolidada e eu non coñezo ningún goberno europeo que esté planteando revisala", afirma Rafael Catalá.

A prisión permanente revisable está recorrida ante o Tribunal Constitucional. Desde que se aprobou en 2015 só se lle aplicou ao galego David Oubel por asasinar as súas fillas de catro e nove anos cunha serra radial.

 

Penas equiparables á prisión permanente revisable en Europa

Portugal aboliu a cadea perpetua no ano 1884: a pena máxima alí é de 25 anos de cadea. No resto da nosa contorna, existen penas similares, con matices diversos. 

Francia contempla a perpetuidade irreducible dende 1994, tras o asasinato dunha nena de oito anos cometido por un criminal reincidente.

Italia substituía a pena de morte por cadea perpetua en 1944. O condenado pode pedir a revisión tras cumprir 26 anos de prisión continuada. 

En Bélxica o reo pode solicitar a condicional tras cumprir 15 anos, pero segundo os antecentes e as condenas previas, pode ter que agardar 23.

En Holanda a prisión permanente só se pode repensar tras 27 anos e ante as sospeitas de que se producira unha inxustiza por parte do tribunal.

O Código penal alemán contempla que tras un mínimo de 15 anos un novo tribunal debe examinar cada caso, unha opción que se pode eliminar en casos excepcionais. 

No Reino Unido os xuíces ditan penas de cárcere para sempre cun mínimo de cumprimento. Todo autor dun asasinato que sexa maior de 21 anos é condenado a perpetua. Igual que en Alemaña, en casos excepcionais podería non revisarse.

Noruega e Dinamarca contemplan unha figura legal chamada custodia, unha especie de perpetua revisable para persoas que cometeran crimes especialmente graves.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/02/2018