CRTVG

Buscar

Mantéñense ata o 30 de xuño as restricións ás viaxes dende terceiros países

Publicado o 22/06/2020 12:21
Mantéñense ata o 30 de xuño as restricións ás viaxes dende terceiros países

Por razóns de orde e saúde pública, o Goberno decide prorrogar ata o 30 de xuño os criterios para aplicar a restrición temporal de viaxes non imprescindibles desde terceiros países á Unión Europea e países asociados Schengen. O Ministerio do Interior ditou unha orde ao respecto que se publicou hoxe no BOE.

Os únicos nacionais de terceiros países da Unión Europa que poderán viaxar a España son os residentes que viaxen ao seu lugar de residencia, os titulares dun visado de longa duración expedido por un país membro ao que se dirixan e os traballadores transfronteirizos.

Outro dos colectivos que ten autorización para desprazarse é o dos profesionais sanitarios ou de coidado de maiores que regresen de realizar o seu traballo, persoal dedicado ao transporte de mercadorías, persoal militar, diplomático ou consular, membros de organizacións humanitarias, e aquelas persoas que acrediten causas de forza maior ou situación de necesidade. Tamén ás persoas que se lles permita por motivos humanitarios, e as que viaxen por motivos familiares ineludibles, sempre e cando estean debidamente acreditados.

Poderán entrar en España, entre outras, as persoas rexistradas como residentes que se dirixan directamente ao seu lugar de residencia noutro estado membro, Schengen ou Andorra, ou o cónxuxe de cidadán español ou parella coa que manteña unha relación análoga á conxugal rexistrada nun rexistro público. Tamén os ascendentes e descendentes  ao seu cargo, sempre que viaxen con ou para reunirse con esta persoa.   

Isto non poderá aplicarse na fronteira terrestre con Andorra nin no posto de control de persoas co territorio de Xibraltar. E mantense o peche, con carácter temporal, dos postos terrestres habilitados para entrar e saír de España a través das cidades de Ceuta e Melilla.