O Goberno propón estender os ERTE ata o 31 de xaneiro de 2022, pero con condicións

O Goberno propón estender os ERTE por causa da covid−19 ata o 31 de xaneiro de 2022. A prorrogación non será automática, senón que deberán solicitala as empresas, e a Administración resolverá no prazo de dez días.
Ademais, a proposta do Goberno vincula os ERTE a que as empresas activen accións formativas que deberán executarse entre o 1 de outubro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.
Os ministerios de Traballo e de Inclusión reuníronse este martes á tarde cos representantes dos sindicatos CCOO e UXT e das patronais CEOE e Cepyme para avanzaren na prorrogación dos ERTE, coa proposta de ampliar ata o 31 de xaneiro todos os tipos de ERTE.
Fontes de UXT explicaron que a proposta expón vincular o mantemento das exoneracións das cotas da Seguridade Social a que a empresa acometa accións formativas destinadas ás persoas traballadoras afectadas polos ERTE.
Estas accións formativas deberán executarse entre o 1 de outubro e o 30 de xuño de 2022, di o sindicato, quen recoñece que esta modificación xerou dúbidas sobre a súa aplicación, execución e financiamento.
A dita solicitude, que deberá ir acompañada da petición da prestación por desemprego para os traballadores afectados, deberá ser resolta nun prazo de dez días, e en caso de non resolución, entenderase desestimada.