O Goberno prohibirá a caza do lobo en España antes do 25 de setembro
O Goberno prohibirá a caza do lobo en España antes de que remate o mes de setembro. Ata entón, as comunidades autónomas poderán seguir aplicando as medidas que teñan en vigor para o control das súas respectivas poboacións.
Este mércores publicouse un proxecto da Orde Ministerial que vai modificar a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE). A relación inclúe todas as poboacións de lobo ibérico de España.
A proposta someterase agora a información pública durante vinte días, e establecerá un calendario transitorio ata que a Conferencia Sectorial aprobe a futura 'Estratexia Estatal do Lobo' nos vindeiros meses.
Segundo o previsto na devandita norma, "o lobo deixará de ser especie cinexética en data non posterior ao 25 de setembro de 2021", asegura o Ministerio para a Transición Ecolóxica nun comunicado.
A orde amplía a todos os núcleos da poboación lobeira de España o status de protección especial. Deste xeito, reverte a condición de especie cinexética que, ata o de agora, mantiña ao norte do Douro e prohibe a súa caza en todo o territorio.
Porén, mentres non se dispoña dunha estratexia estatal, os gobernos autonómicos poderán seguir aplicando as medidas vixentes establecidas para o manexo das respectivas mandas. Despois do 25 de setembro, "todas as Comunidades deberán ter as súas ferramentas de xestión, vinculadas á especie, adaptadas á nova situación".
Acordo na Comisión Estatal
A proposta de inclusión do lobo no LESPRE aprobouse na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e da Biodiversidade o pasado 4 de febreiro. Ademais de prohibir a caza, o acordo incluía o compromiso de reforzar as tarefas de seguimento e a adopción de medidas para mellorar a cohabitación coas actividades de gandería extensiva e outras no ámbito rural.
O Ministerio coordina os traballos de preparación dun novo censo nacional do lobo, de xeito que poida actualizarse o número de mandas en 2021 e 2022 cos métodos máis avanzados e precisos de cuantificación.
Así mesmo, en colaboración con outras unidades, explora novas liñas de financiamento para habilitar un pago suplementario adicional ao pastoreo extensivo en zonas de convivencia de grandes carnívoros como contrapartida por servizos ambientais. Ademais, tenta establecer axudas de protección para o gando nestes territorios.