CRTVG

Buscar

O Goberno prevé ter resoltos os indultos aos presos do 'procés' antes de agosto

Publicado o 27/05/2021 21:17

O Goberno quere ter tomada unha decisión sobre os indultos aos presos do procés antes do mes de agosto. O ministerio de Xustiza analizará o informe do Supremo, contrario a indultalos, pero lembra que non é vinculante e que os indultos son potestade do Executivo.

Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza: "Está no ordenamento xurídico e polo tanto non nos ten que asustar. Isto non é unha pelexa entre o Executivo e o Lexislativo, non o é".

María Jesús Montero, portavoz do Goberno: "A vontade desde o inicio da lexislatura é abrir unha nova etapa en Cataluña. Reconstruír eses valores da concordia, da convivencia e do reencontro que levan demasiado tempo ausentes".

O debate incomoda unha parte do PSOE. O presidente de Estremadura di que non debe ser indultado quen non respecta as leis, e o de Castela-A Mancha cre que os indultos serían un dos grandes erros da democracia e unha condena para o partido socialista.

Emiliano García-Page, presidente de Castela-A Mancha: "Máis que unha medida de graza paréceme unha desgraza"

A oposición ve os posibles indultos como un atropelo á democracia española.

Pablo Casado, presidente do PP: "É gravísimo. Dixen a semana pasada que se Sánchez cruzaba esa liña vermella se acababa a lexislatura. Se finalmente o fai tamén acabará co Partido Socialista constitucional. Eu espero que isto non ocorra e que non perpetre este atropelo á democracia española".

O PP pide a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso.

Noticias web

27/05/2021