CRTVG

Buscar

O Goberno prevé prorrogar ata finais de setembro as medidas do "escudo social"

Publicado o 06/07/2020 22:27
O Goberno prevé prorrogar ata finais de setembro as medidas do "escudo social"

O Goberno prevé aprobar mañá a ampliación ata o 30 de setembro do período de percepción do "bono social" e da garantía de subministración de enerxía eléctrica, gas e auga, segundo informaron fontes do Executivo, que prorroga así iniciativas postas en marcha como "escudo social" fronte á crise da COVID-19.

Estas son algunhas das medidas incluídas nunha batería de seis iniciativas que o Executivo prevé aprobar na súa reunión deste martes, que inclúen tamén a prorrogación extraordinaria dos contratos de arrendamento de vivenda habitual, que se poderá solicitar ata o 30 de setembro por un período de seis meses (coas mesmas condicións). Tamén se amplía o prazo de solicitude da moratoria arrendaticia, para o caso de grandes posuidores ou empresas públicas, segundo as mesmas fontes, que precisan que está previsto que se poida solicitar ata o 30 de setembro de 2020 o aprazamento temporal e extraordinario no pagamento da renda.

Ata o 29 de setembro poderase solicitar a moratoria de débeda hipotecaria, e o seu funcionamento será secuencial respecto da moratoria que o propio sector bancario puxo en marcha (tres meses de moratoria legal máis nove meses de moratoria do sector bancario). Segundo as fontes do Goberno, tamén está previsto que se aprobe neste paquete de medidas a suspensión das obrigas derivadas dos contratos de crédito sen garantía hipotecaria.

A garantía da subministración de enerxía eléctrica, gas e auga amplíase ata o 30 de setembro e, así mesmo, co obxectivo de homoxeneizar as medidas do "escudo social", amplíase o período de percepción do bono social.

Noticias web

06/07/2020